Friday 03 de May de 2024

Un total de 25 mozos e mozas de 5 nacionalidades participan no campo de traballo organizado polo Concello de Boqueixón


O alcalde, Manuel Fernández Munín, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitaron hoxe aos participantes

Un total de 25 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos participan dende o pasado día 1 e ata o próximo 12 agosto no campo de traballo internacional organizado polo Concello de Boqueixón. O alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, e mais o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantiveron esta mañá un encontro cos participantes nesta iniciativa xuvenil.

Máis concretamente, os mozos e mozas que están a participar neste campo de traballo proceden de países coma México, Italia, Francia e Serbia. Dentro do territorio español, a iniciativa xuvenil promovida polo Concello de Boqueixón conta con rapaces e rapazas procedentes de Asturias, Las Palmas, Madrid, Castellón, Cantabria, Valladolid, Biscaia, Áraba, Logroño e Guipúscoa e tamén da propia comunidade autónoma.

O rexedor animou á mocidade asistente a descubrir o amplo patrimonio cultural, histórico e natural do municipio boqueixanés e a gozar desta experiencia. Nesa mesma liña pronunciouse Ovidio Rodeiro, quen lembrou que Galicia é unha das comunidades autónomas españolas que meirande número de programas de mobilidade xuvenil desenvolve. Iniciativas entre as que se atopa, precisamente, este campo de traballo internacional.

Durante estas case dúas semanas días que durará o campo de traballo, os mozos e mozas participantes están a realizar tarefas de conservación e posta en valor da Ponte Ledesma. Entre elas, atópase a limpeza de herbas na súa estrutura. Ademais, elaboraranse sinais de madeira para proxectar o nome de cada unha das Ínsuas de Gres á súa entrada e tamén outra con información sobre a batalla de Ponte Ledesma.

Outro dos obxectivos deste campo de traballo será a elaboración de diversos materiais didácticos de divulgativos para difundir entre a poboación do municipio e da contorna. Esta última acción está vencellada á execución dun plan de dinamización, no que tamén se contempla a investigación e recollida de campo sobre a Batalle de Ponte Ledesma da Guerra dos Franceses a través da testemuña das persoas maiores que viven no lugar.

Todas estas actividades combínanse con distinto tipo de propostas de lecer. De feito, mañá participarán nunha excursión pola Costa da Morte. Xa nos seus primeiros días de estancia tiveron a oportunidade de coñecer Santiago de Compostela e outros lugares de interese da bisbarra.